Veciñanza esixe unha solución definitiva contra a contaminación do encoro do Umia

O sábado 15 visitamos canda os deputados de En Marea Antón Sánchez e Marcos Cal o encoro do Umia, para valorar o seu estado de contaminación e as medidas a tomar dende o Parlamento Galego. Coincidimos en que se trata dun dos problemas medioambientais máis graves da nosa comarca, e polo tanto, tamén de Cuntis. A Xunta decretou o estado de abandono no encoro do Umia dende fai anos. O que foi unha obra controvertida e imposta dende o principio, contra a activísima oposición veciñal, hoxe permanece en estado de contaminación por microcistina ante a indiferencia da Xunta de Galicia.

Tres anos despois do seu téorico remate, a Xunta non aclarou os resultados do chamado Plan Umia, nin onde se investiron os supostos 20 millóns de euros comprometidos nin cales foron os resultados do tratamento con codia de eucalipto. Veciñanza xa impulsara unha moción a este respecto no ano 2016. Recentemente, o Delegado da Xunta en Pontevedra, o Sr. Cores Tourís, afirmaba sen reparos que non existe contaminación no encoro, contradicindo así os datos publicados pola propia Consellaría de Medio Ambiente. Cómpre esixirlle un mínimo de decencia para afrontar o problema real, así como transparencia no relativo aos investimentos ao abeiro do Plan Umia.

Veciñanza esixe unha solución integral e definitiva. Non nos resignamos a convivir permanentemente coa contaminación da auga encorada, algo sobre o que se teñen pronunciado os expertos en reiteradas ocasións. No tocante ao Concello de Cuntis, non abonda con agocharse detrás do marco competencial para xustificar a indiferencia ante un problema ambiental de primeira orde. Cómpre esixirlle maior intensidade nas esixencias que se lle trasladan ao Goberno Galego, que claramente non sabe como xestionar o asunto.

Share

Tamén pode gustarche...